A Comarca de Bergantiños está formada polos municipios de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso. Ten 70.213 habitantes, asentados nunha superficie de 744,2 km2 e unha densidade media de 94,3 hab./km2 según datos facilitados polo IGE (2006). O territorio de actuación corresponde co definido por AGADER no mapa territorial proposto para o GDR 27 (Bergantiños).
Os seus límites naturais, claros e precisos, incidiron no mantemento da súa particular idiosincrasia. Ao Norte e ao Oeste sitúase o Océano Atlántico e a Ría de Laxe e Corme; ao Sur o reborde meseteño do denominado "Bloque do Xallas" (entre os 400-600 m.), e ao Este os Montes de Santa Leocadia (300-400 m.) e o chanzo altitudinal (200-300 m.) que supón o municipio de A Laracha con respecto ao val de Barrañán (Arteixo). Menos acentuada é a delimitación física ao Sudoeste, que consiste nun área de relevo moi compartimentada (200-300 m. de altitude) que forma a divisoria de augas coa conca do río Grande (concello de Vimianzo e Zas).
O núcleo de Carballo, a pesar da súa recente formación, está consolidado como un importante centro que, desde o punto de vista económico e funcional, organiza a totalidade do territorio que forma a comarca, aínda que debido á importancia do desenvolvemento económico nesta zona, formáronse outros subcentros: Malpica, Ponteceso, Laxe, A Laracha, Paiosaco e San Roque.
Debido á proximidade da comarca ó área metropolitana da Coruña, as relacións secundarias diríxense cara a esa comarca metropolitana, chegando os efectos expansivos da capital provincial á comarca de Bergantiños, aínda que sen alterar a unidade comarcal deste espazo nin o seu carácter rural.
Pode afirmarse que os condicionantes naturais (aliñacións montañosas, costa desprotexida e accidentada, etc.) configuran un espazo comarcal organizado en torno a estrada A Coruña-Fisterra (C-552). Non se forma -en contraposición a outras áreas da nosa xeografía- un eixo de crecemento costeiro, debido á falta dunha comunicación litoral e ás características de enclave demográfico dos portos pesqueiros, que aparecen como núcleos de alta concentración demográfica, en marcado contraste cunha costa despoboada.
Lg. A Camposa s/n, Buño - 15111 Malpica de Bergantiños
Telf: 981 707 377 - Fax: 981 711 352 - E-mail: info@adbergantinos.org